xoves, 24 de maio de 2018

LETRAS GALEGAS 2018

Para conmemorar o día das Letras Galegas durante varias semanas estivemos traballando a vida e obras da homenaxeada este ano: María Victoria Moreno. 
Así comezamos coa "Búsqueda do Tesouro" na que o tesouro atopado era unha imaxe da homenaxeada que tiñan que compoñer. 


A partir de ahí comezamos a investigar sobre ela: a súa vida e as súas obras. 




Así descubrimos o seu amor polos animais, pola cidade de Pontevedra, pola nosa lingua...

E despois de investigar, as diferentes aulas fixeron uns traballos sobre a súa obra e vida que colgamos nun gran mural para que todos puidesen coñecer mellor a María Victoria Moreno. 



Pero iso non foi todo. Grazas a colaboración da Asociación de Alfombras de Bueu que nos visitaron no mes de Abril os nosos alumnos aprenderon a elaborar alfombras para a tradicional celebración do Corpus que aínda se mantén na nosa contorna.
Así os nosos alumnos colaboraron coa Asociación elaborando a súa propia alfombra para ese día. Decidiron dedicarlle a alfombra a María Victoria Moreno. Para iso cada familia decorou unha letra para formar unha frase dunha obra de dita autora. A escollida foi: "As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos" de Anagnórise.



Moitas grazas a todos polo voso traballo e por axudarnos a coñecer un pouco máis a unha gran escritora que amou a nosa lingua. 

martes, 15 de maio de 2018

A BÚSQUEDA DO TESOURO


A semana pasada tivemos unha actividade moi emocionante para os nosos alumnos: "A búsqueda do tesouro". 

A búsqueda do tesouro consistiu en que alumnos tiñan que resolver unha pregunta relacionada co proxecto "Desenterrando os nosos tesouros" para poder atopar a seguinte pesquisa. Así, pesquisa tras pesquisa ata chegar a derradeira pista que os levaría a unha peza dun crebacabezas que estaba acochada na nosa mascota: Torriño. 









Para poder responder as preguntas tiñan que buscar a información nos murais feitos polos compañeiros sobre o proxecto. Así había preguntas sobre as lendas de Cela, a vendimia (tradición popular da contorna), sobre a Illa de Ons, os oficios tradicionais, os seres mitolóxicos da contorna... e como non sobre a autora homenaxeada deste ano das letras galegas: María Victoria Moreno. 
















Coas pezas atopadas formouse un cadro de... MARÍA VICTORIA MORENO.









Aquí podedes ver os murais de exposición sobre o noso proxecto "Desenterrando os nosos tesouros" sobre os que investigaron os nosos alumnos:




























Bo traballo rapaces!!!


domingo, 13 de maio de 2018

OS MAIOS

A semana pasado os alumnos de 1º e 2º desenterraron un dos tesouros do patrimonio inmaterial da nosa zona: os maios. 


Empezaron facendo un maio grazas a axuda de Julio Santos Pena, docente que durante moitos anos axudou a manter está tradición en Marín. Para iso empregaron espadaina, xestas, fiuncho e flores variadas. O que fixeron os nosos alumnos está inspirado nos maios da illa de Ons, que ten forma cónica e coroa.





Ademáis Julio Santos ensinounos moitas curiosidades sobre os maios como que os maios existen dende a antigüidade e que están relacionados co nacemento da agricultura. Os maios foron evolucionando e adquirindo diferentes formas de expresión segundo a localidade na que se fan. Así, pode habelos incluso con forma humana ou con figuras. 


Aquí tedes a copla que cantaron os nenos ao maio.

MAIO PEQUERRECHIÑO DA TORRE

Todos arredor
poñede atención
que este noso maio
ven falar de Ons. 

Son as nosas illas 
na porta da ría
que coidan de nos
freando a maruxía

Os nosos avós
naceron alí
pero hai moitos anos
viñeron para aquí

Os homes da Illa
 no mar traballaban
e, as mulleres, 
a terra labraban

Remaban nas dornas
pescaban bos polbos
ían  as centolas
co espello mirafondos.

Moitas vaquiñas
había na Illa
hoxe alí o gando
é historia perdida. 

A xente  escapou
para mellorara
a Illa quedou
soíña a chorar

Alí soio quedan
un par de mariñeiros
Cesáreo e Manolo
que son os derradeiros. 

E agora nos
que somos pequenos
queremos que sexa
a Illa dos nenos. 

Por eso cantamos 
co noso maiño
lembramos aos vellos
con moito cariño

Area dos Cans, 
Curro e Canesol, 
Son coa de Melide 
praias de moito sol

Alumea o Faro
alá no Cucorno 
avisando aos barcos 
que andan no entorno

Tres illas irmás
as tres moi fermosas
a Ons e a Onza 
e o illote da Freitosa

Hai moitas pegadas
dos nosos ancestros
a Cova dos Mouros
e a Laxe dos Cregos. 

Imos rematar 
este noso canto
que imos para Illa
e nos marcha o barco. 

Para outro ano
outra vez viremos
co noso maiño
cantando estes nenos. 

Maio de 2018.

E para rematar a xornada os nosos alumnos entrevistaron a Julio Santos na Radio Faladoiro. 






E aquí tedes o resto de programas que elaboraron os nosos alumnos sobre os maios.





Grazas a todos polo voso traballo e a Julio Santos pola súa colaboración!!

xoves, 10 de maio de 2018

CORRELINGUA 2018


O venres 4 de maio tivo lugar en Bueu o Correlingua 2018 da comarca do Morrazo. Así que alí estabamos nós para defender a nosa lingua.

Ao chegar os maiores fixeron unha andaina pola nosa lingua mentres os máis pequenos quedaron na plaza Massó realizando xogos cooperativos adaptados a temática do noso proxecto "desenterrando os nosos tesouros".










Despois merendamos para repoñer enerxías e así seguir coa festa.
A continuación tivo lugar a lectura do "manifesto 2018" e finalizamos coa gran actuación de Radio Bulebule de Paco Nogueiras.





A lingua non para!!

mércores, 9 de maio de 2018

VISITA AO CENTRO DE DÍA DA CONTORNA


Tras a lectura do libro de María Victoria Moreno "A brétema" o alumnado de 3º e 4º de E.Primaria decidiron ir a un centro de día da contorna "Centro de Día Terapéutico Contigo" e recopilar información relacionada co noso proxecto "Desenterrando os nosos tesouros" a través das persoas maiores e de paso pasar un rato agradable na súa compaña. 

Os alumnos de terceiro fixéronlle preguntas relacionadas cos seus oficios, as ferramentas empregadas, que diferenzas atopan nese mesmo traballo na actualidade, a que idade comezaban a traballar...

As mulleres ían menos a escola para axudar na casa e no campo


Conversa sobre os oficios e as ferramentas que usaban

Os alumnos de cuarto recolleron información sobre o patrimonio inmaterial: os refráns, ditos e cancións de berce que todavía lembraban as persoas maiores e que se empregaban nos seus tempos. 

Pero o máis emocionante foi cando as distintas xeracións interpretaron conxuntamente as cantigas populares. Entre todas destacaron "A rianxeira" e "Catro vellos mariñeiros".

Compartindo no encontro un aspecto salientable do patrimonio inmaterial: as cantigas tradicionais


Para finalizar a xuntanza houbo unha chocolatada e bizcoito tradicional. 


Bizcoito e chocolate: Gracias!


Foi tan reconfortante a visita que unha alumna de cuarta comezaba así o seu traballo de composición escrita sobre a visita "cantamos, bailamos, rimos, fixémoslles preguntas...Pasámolo xenial!!!

A imaxe final conxunta, xa cansos, antes de volver ás aulas: un bico e moitas gracias a todos.

Grazas a tódolos que se esforzaron en preparar o encontro con rigor e profesionalidade para optimizar os resultados: Noraboa!!!







luns, 7 de maio de 2018

ABRIL, MES DOS LIBROS


Para conmemorar o mes de Abril, mes dos libros fixemos as seguintes actividades. Mirade canto traballamos e que ben o pasamos.

O día 23 de Abril: INTERCAMBIO LECTOR. Cada neno/a trouxo un conto da súa casa e intercambiouno por outro dun compañeiro durante 15 días procurando que foran libros en galego. 







O día 24: HOXE NO PATIO, LIBRO. Durante a hora de lecer os nenos/as tiveron a súa disposición no patio unha morea de libros con diferentes temáticas: científicos, de valores, de narrativa..., para todo tipo de idades e sobre todo libros en lingua galega.










Que bo rato pasamos difrutando do noso tempo de lecer lendo un bo libro e en boa compañía.


Mércores 25: APADRIÑAMENTO LECTOR. Desta vez tamén tivemos lectura no patio pero nesta ocasión un neno maior lía un conto a outro neno de menor idade. Foi unha actividade moi motivadora tanto para os lectores como para os oíntes.











Xoves 26 de Abril: VISITA DE SERVANDO BARREIRO!!. Na investigación que estamos levando a cabo sobre as personaxes máxicas que aparecen nas lendas do noso entorno a visita de Servando foi unha gran motivación. Presentounos o seu libro-cd "A música da auga" e fíxoo acompañado do seu acordeón. Grazas a el fixemos unha fermosa e divertida viaxe desde o nacemento dun río ata a súa desembocadura no mar atlántico na que coñecemos xacias, barqueiros, cesteiros, ...







Mirade que atentos estabamos todos!!




E para rematar foi entrevistado na radio faladoiro.




Que gran día!!

Venres 27: VISIONADO DE BOOKTUBERS. Durante todos estos días os nosos alumnos estiveron gravando recomendacións de libros empregando a lingua galega. A maioría dos libros recomendados eran en galego e relacionados co proxecto "desenterrando os nosos tesouros". O venres vimos todas esas recomendacións. Foi unha actividade moi interesante e motivadora xa que as novas tecnoloxías sempre son aliciente. 






Luns 30 de Abril: VISITA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO. Que día máis emotivo e inspirador pasamos na compaña de García Teijeiro. As súas palabras sobre a poesía e sobre as súas obras fixeron espertar os nosos sentimentos e a nosa imaxinación. 
Falounos do mar, da importancia que ten na súa vida a lectura, a escritura, o afecto pola escola e o deporte. tamén lembrounos algúns dos seus versos. 
Foi unha experiencia máxica onde a poesía, a nosa lingua e o agarimo de García Teijeiro fixeron remover todo o noso interior.

Asinou  "Lendo lendas, digo versos" coautor con Antonio Reigosa e ilustrado por Xosé Cobas e foi entrevistado polos nosos alumnos na Radio Faladoiro. 

Ao fondo o mural sobre a obra lida






Asinou no libro de visitas e os exemplares do alumnado