Os nenos e nenas de 3° e 4°gozamos, para celebrar o Día Mundial da Radio, dun obradoiro de Xeografías Máxicas con Charo Pita: teatro, radio, mitoloxía e ata xeografía!
Un obradoiro completísimo onde aprendemos como colocar o corpo para emitir mellor a voz, fixemos de xornalistas practicando entradillas para o noso programa de radio, practicamos a entoación e ata fixemos teatro!
Charo contounos a historia de Hércules e a de Maruxaina, e ubicounos esas lendas fantásticas nun mapa! Quedamos coa boca aberta porque ela é unha contacontos extraordinaria. Acompañáronnos cans de tres cabezas e mesmo deuses e deusas!
Agardamos poder repetir pronto, agora imos incorporar moitas destas ideas aos podcasts de Radio Faladoiro! Agarrádevos, que veñen curvas sonoras!